
Os analistas e observadores certificaron o xiro na estratexia de campaña socialista. O perfil numismático do presidente Touriño revelábase como percha insuficiente para os galegos e galegas atarefados en outras cuestións máis cotiáns e urxentes. Mesmo o lema de “un presidente con todos e contra ninguén” semellaba un erro de satisfeitos estrategas pechados catro anos nunha habitación sen fiestras.
En esta campaña sí houbo unha ovella negra: foi o BNG e o seu líder Anxo Quintana, o improbable Espartaco ou Astérix dunha aldea que é moito, moitísimo máis, que a reducida Galiza e autoapropiada Galicia do BNG. A inmensa maioría dos cidadáns non compartiron que Touriño gobernara aos conselleiros socialistas e Quintana aos seus. Si difícil é avaliar un goberno que sumados os seus escanos supera tan só en un ao partido na oposición, moito máis indixesto resulta un goberno con dous corazóns e dúas cabezas. O recoñecemento tardío polo presidente de esta realidade, ben diagnosticada polos galegos perante catro anos, fai medrar as dúbidas sobre a perspicacia e senso da realidade na que viviu Touriño neste tempo.
Máis alá de esta inflación nacionalista no goberno, a parte socialista pecou de neófita á hora de xestionar con senso político as súas competencias. Decir que “xestionamos moito pero non o supimos vender” non chega para tapar as enormes carencias de peso político na maioría da parte socialista da Xunta. Podíase sospeitar que o PSdeG-PSOE non era moito máis que unha franquicia con solvencia e crédito entre as masas populares, pero carente de solucións concretas e planificadas para o país; de redes de relación co país real; de cadros políticos na estructura orgánica e no territorio, en definitiva, con moito traballo aínda por diante para ser unha ferramenta efectiva e útil para a transformación do país. Neste senso a presenza constante de Pepe Blanco fíxose imprescindible para reconducir unha campaña que levábanos ao precipicio, non tanto pola calidade dos adversarios como pola suma de erros propios. Mañán certificaremos si o golpe de timón de Ferraz foi suficiente.
Porque o PP fixo de PP, coma sempre. Descalificacións, mentiras, facer presa na palla en ollo alleo esquecendo a viga no propio e polarizar á sociedade sin permitir as “zoas desmilitarizadas”. Para eles o PSOE é desemprego e despilfarro; o BNG clientelismo e imposición e eles, o PP, futuro e liberdade. Os 16 anos de Fraga na Xunta, as actitudes de Baltar ou Louzán, o partidismo e favoritismos dos seus alcaldes, a cadea de corrupción descoberta en Madrid e Valencia, a imperdoable ignorancia sobre Luis Carrera ou o frívolo Pedro Arias; o conservadurismo plagado de sotanas e doble moral, o aínda recente disparate de Irak e a alianza con Bush, son todos eles rasgos que dibuxan unha dereita caótica, en desguace ou permanente convulsión. En última instancia, Galicia é para o PP a última batalla que deu Rajoy antes de enfrentar a súa decapitación en Madrid.
Para o Barril do Náufrago non hai dúbidas da necesidade de votar socialista mañán domingo, porque creemos que o PSOE ten o talante e as mellores potencialidades para integrar a tódo-los galegos e galegas e para afrontar con maiores garantías as dificultades de este momento. Pero tamén somos conscientes do moito que temos que mudar no noso compromiso cos cidadáns e no recoñecemento dos propios erros. Con ese espíritu, autocrítico mais tamén seguro de nós mesmos agardamos o 1-M, en todo caso unha data histórica para Galicia.